10.16.2005

Perspectivas

No velorio a familia choraba o morto, víctima da súa torpeza coa dinamita que lle estourou nas mans mentres preparaba un atentado. A nai, o tío, a irmá só vían o fillo, o sobriño, o irmán con quen nunca máis poderían conversar ou pasear, falecido antes de tempo por mor dun desgraciado accidente.
Os clientes habituais do hipermercado onde tería que estourar a bomba só sabían felicitarse da sorte que tiveran.

10.02.2005

Previsión

Na carta de despido figuraba o motivo: falta de previsión. ¡¿Falta de previsión?! Nada máis e nada menos. E todo porque lle levara a contraria ao xefe naquel asunto, porque non tiña razón. Así se pagaba a sinceridade: falta de previsión. ¡Ha! Mellor sería que lle dese unha patada no cu.
Poñería en marcha o plan B, pero pregar nunca; el non mendigaba. Eliminaría o xefe e problema resolto. Faríao de tal xeito que ninguén puidese asocialo cun asasinato; xa vería el o que era a falta de previsión. Todo atado e ben atado, como lle gustaba. Tería que buscar outro motivo para despedilo.